Concello de Carnota
Víndemo Ver 2016
Historia e Patrimonio
Praias de Carnota
Situación do Concello
box_festas

Festas Populares

Entroido

O Entroido ou Carnaval é unha festa de orixe medieval que comprende os tres días que preceden a Coresma. Como se desprende do propio étimo da palabra (lat.introitum "entrada") esta festividade supón a despedida do tempo carnal e a entrada na abstinencia coresmal. Entroido en Carnota

No entroido enxálzase todo o que a Coresma prohíbe: a comida e a bebida abondosa, a luxuria, a diversión e, en xeral, o goce da vida, en oposición á abstinencia e ó xaxún coresmais. Ó longo de toda Galicia celébrase o Entroido con comidas extraodinarias a base de cocido con carne de porco abundante e sobremesas típicas desta festividade, como son as filloas ou as orellas.

As rúas énchense de entroidos (xente disfrazada) que ridiculizan as distintas capas sociais, os oficios, cargos públicos e institucións e que teñen licenza para facer o que o resto do ano non está permitido.

En Carnota o carnaval é personificado mediante un boneco de palla coñecido como "Entruido" ou "O Nicolás", que se pasea polo concello durante os tres días da festa. O último día, o martes de Entroido, procédese á queima do Nicolás mentres se pronuncia un tradicional sermón no que se fai un repaso crítico dos sucesos máis relevantes acontecidos no municipio. Con isto, ponse punto final a festa tradicional, que a veciñanza agarda con entusiasmo durante todo o ano.

 

San Xoán

A festividade de San Xoán, intensamente arraigada na sociedade carnotá, celébrase no solsticio de verán. O sol xoga un papel fundamental nesta celebración e existe a crenza popular de que baila no ceo ó amañecer. San Xoán

Ademais do sol, outro elemento fundamental na celebración do San Xoán é a auga, empregada simbolicamente para purificar a alma. O 23 de xuño, véspera de San Xoán, as xentes de Carnota deixan preparado un recipiente con auga e herbas aromáticas, coñecidas como herbas de San Xoán (fiúncho, herba Luísa, asentes, ruda, romeu, etc.), co fin de que co seu recendo repelan o mal, que nesta noite acomete con máis forza que en ningunha outra. O ideal é deixalas ó sereno, para que sobre elas caia o resío e lles confira un poder purificador. Na mañá seguinte, emprégase esta auga para lavarse co fin de limpar a alma de impurezas e curar ou previr enfermidades.

A noite de San Xoán, o 23 de xuño, é a noite de bruxas por excelencia e como defensa contra elas ademais da auga e das herbas emprégase o lume. Os veciños do municipio reúnense esta noite en torno a unha cacharela, arredor da que se organiza unha festa multixeracional na que ó tempo que se comen sardiñas asadas con boroa e viño do país, fortalécense os lazos veciñais. Trala festa, a xuventude ten por costume escenificar o ataque do mal mediante a representación do caos e o desorde. Na noite de San Xoán todo está permitido: arrancarlle a cancela ó veciño, levarlle o carro ó adro da igrexa ou a un lugar moi transitado, cravar as portas para que os veciños non poidan saír, cambiar os indicadores dos establecementos... Trátase, en definitiva, dunha forma clara de atacar a orde Social.

 

As Festas Parroquiais

O Concello de Carnota divídese en cinco parroquias, que dedican polo menos cadansúa festa ó seu patrón ou patroa ó longo do ano.

Normalmente na véspera anúnciase a festa con foguetes, gaiteiros e coa celebración dalgunha actuación musical ou teatral acompañada da típica sardiñada. Os días da festa a veciñanza esperta co estrondo dos foguetes e coa música dos gaiteiros ou bandas de música que percorren as rúas tocando "A Alborada". Durante a mañá celébranse diversas misas na honra do patrón ou patroa e, tras unha procesión, varios grupos musicais amenizan un baile, onde participan as xentes da parroquia e os visitantes.

No xantar é habitual que se reúnan familiares de distintos lugares e que a comida se prolongue ata ben entrada a tarde. Pola noite celébrase unha verbena ó aire libre que non remata ata ben entrada a madrugada.

Ademais das festas patronais cada vez adquiren máis relevancia no noso territorio as festas relacionadas coa cultura e a gastronomía propias, tanto entre a veciñanza do municipio como entre as xentes que nos visitan.

As Festas Patronais

Parroquia de San Clemenzo de O Pindo
Festa de San Clemenzo segunda fin de semana de agosto
Festas do Cristo 12 e 13 de outubro
Parroquia de San Memede de Carnota
Festa de San Memede 7,8 e 9 de agosto
Festas do Cristo 8,9 e 10 de setembro
Festas da Virxe do Carme de Caldebarcos primeiro xoves e venres despois do 16 de xullo
Parroquia de Santa Comba de Carnota
Festa de Nosa Señora das Dores 20 de setembro
Festa de San Sebastián de Pedrafigueira 20 de xaneiro
Parroquia de Santa María de Lira
Festa dos Remedios Novos primeiro martes despois de Semana Santa
Festa dos Remedios Vellos sete semanas despois dos Remedios Novos
Festa do Mar terceira fin de semana de agosto
Parroquia de San Martiño de Lariño
Festa de San Martiño 11 de novembro
Festas Culturais Gastronómicas
Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional da Asociación Cultural Canle de Lira: relatorios, espectáculos teatrais e musicais, sardiñada e degustación de empanadas venres, sábado e domingo da semana de San Xoán - 24 de xuño
Festa da Cachelada de Mallou último xoves e venres de agosto
Feed RSS

Enquisa

¿Qué mellorarías da web do Concello?

Máis novas - 34.5%
Inclusión dun foro de debate - 20.4%
Directorio de empresas avanzado - 17.4%
Máis fotografías - 27.7%

Votos totais: 534
The voting for this poll has ended on: 30 set 2014 - 00:00