Martes, 07 Febreiro 2012
O fútbol base das Escolas de Fútbol do Concello de Carnota está de en hora boa.
Os dous equipos do noso concello, alevíns e infantís, conquistaron este sábado a Liga Comarcal da Costa do Morte
Os alevíns proclamáronse campións, tras vencer ao Corcubión por 1-2, e os infantís fixeron o mesmo, gañando por 2-1 ao equipo As Baleas.
Os nenos inundaron o pavillón de alegría, cos seus cánticos de vitoria e con brincos cos seus respectivos trofeos.
Non esquezamos a importancia dos pais dos nenos, que colaboran en todo momento no bo funcionamento desta actividade.
Dende o Concello queremos transmitirlles os nosos parabéns para todos eles.
Xoves, 02 Febreiro 2012
O martes 7 de febreiro ás 19:00 h, terá lugar no salón de actos do Concello de Carnota o libro Ruta a pé pola Costa da Morte, da man do presidente da Asociación Neria, D. Ramón Vigo.
Estarán presentes tres alcaldes da zona: o de Dumbría, D. José Manuel Pequeño; a de Muros, D.ª Caridad González Cerviño e o de Carnota, D. Ramón Noceda Caamaño. Así mesmo, estarán apoiando o acto Xan García Pouso e un técnico da Asociación Neria.
Dende aquí invitamos a todos os veciños/as da Costa da Morte a que coñezan a través deste libro unha fermosa ruta dende Malpica ata Muros, bordeando a pé todo o litoral da Costa da Morte.
Xoves, 02 Febreiro 2012
Esta fin de semana teñen lugar dúas grandes finais da Liga Comarcal da Costa da Morte de fútbol sala, que gozaremos da man dos nosos equipos.
As finais disputaranse o sábado 4 de febreiro no pavillón de Corcubión.
A primeira, da man da categoría alevín, xogarase ás 13 horas contra o Corcubión. Cabe destacar que o noso equipo gañou a liga a tempada anterior, na categoría benxamín. Xogaron a fase intercomarcal en Noia e perderon o pase á Provincial contra o Negreira.
A segunda final xogarase ás 14 horas contra As Baleas e na categoría infantil.
Martes, 24 Xaneiro 2012
Na primeira semana do mes de febreiro estará aberto un novo prazo de matrícula para cursar no presente ano académico 2011-2012 na escola de música municipal, sita no Pindo.
Non hai prazas en todas as especialidades, pero sí na maioría. Ofértanse clases dende os 4 anos en diante: Iniciación musical, música activa, linguaxe musical, orquestra Orff, coro infantil, combos de música moderna, coral polifónica de adultos, piano, guitarra, baixo, batería, gaita, frauta traveseira, saxofón, clarinete, pandeireta, solfexo de adultos e grupo de música tradicional.
Os interesados deben acudir ás dependencias de cultura no Concello de Carnota nas mañás de luns a xoves ou ben á propia escola os luns polas tardes.